Thursday 02 de May de 2024

O Concello inviste este ano 2,29 millóns de euros en proxectos de mellora e mantemento dos colexios


O Goberno local destinou 9.387.700 euros dende 2012 para cumprir os seus compromisos cos centros educativos da cidade

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, informa de que este ano se dedicarán 2,29 millóns de euros a obras que permitirán realizar obras de mellora e mantemento nos centros educativos da cidade, un investimento que alcanza os 9,38 millóns de euros dende 2012.
A Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude informa sobre o investimento en obras dos 37 centros educativos -9 escolas infantís municipais, 26 centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), un Centro de Educación Especial e un centro de educación para adultos-, cuxo mantemento depende do Concello da Coruña. As obras, cun investimento final de 2.291.195 euros para este ano, realizaranse en tres fases:
. Nos próximos dous meses, as obras que se executarán son os patios exteriores do CEIP Curros Enríquez, a pintura da fachada doCEIP Labaca, a pista polideportiva entre o CEIP Raquel Camacho e o instituto do Agra, os baños do CEIP Alborada, a cuberta do ximnasio do CEIP Víctor López Seoane e o patio exterior do José Cornide Saavedra.
. Durante as vacacións de verán cubrirase o patio exterior do CEIPSan Francisco Xabier, cambiarase a cuberta do CEIP María Barbeito, cambiarase o chan do aulario de infantil do CEIP Ramón de la Sagra e habilitarase un espazo para almacén no Salgado Torres.
. Para finais de ano iniciaranse as obras do cambio de cuberta doCEIP Emilia Pardo Bazán.
Este calendario de proxectos súmase ao estudo que xa se iniciou para o cambio parcial ou total das cubertas dos colexios Raquel Camacho e Ramón de la Sagra, así como para a conversión da vivenda do conserxe nun comedor escolar no CEIP Labaca.
A Concellaría de Educación destaca que, en canto ás obras de mellora e mantemento dos centros, se garante a continuidade de dous plans estratéxicos que involucran á totalidade dos centros educativos públicos da cidade cuxo mantemento depende do Concello.
. O primeiro plan intervén no espazo interno dos centros e supón a finalización da reforma e adaptación dos aseos para os escolares, o cambio de baldosa a tarima nos aularios de Infantil e a mellora das bibliotecas, ademais doutras intervencións puntuais propias do mantemento dos espazos educativos.
. O segundo plan intervén no espazo externo dos centros e supón a instalación e arranxo dos xogos infantís, así como o acondicionamento dos espazos externos por medio da pavimentación e pintado das pistas deportivas, borrado de pintadas e un incremento dos contratos de limpeza e xardíns.
Estes proxectos de mellora e mantemento dos centros educativos públicos da cidade certifican o compromiso do equipo de goberno pola educación, a saúde escolar e o deporte base e teñen o obxectivo prioritario de que os estudantes coruñeses conten con mellores instalacións educativas e deportivas.
En total, dende 2012, investíronse nos 37 centros educativos da cidade máis de
9 millóns de euros -en concreto, 9.387.700 euros- entre obras de investimento e mellora das instalacións, mantemento, contratos de limpeza, xardinaría, caldeiras ou ascensores, entre outras actuacións. Deste xeito, o investimento media anual nos centros foi de 2.346.925 euros, o que supoñería un investimento media en cada un dos 37 centros de 253.721 euros durante os últimos catro anos.
A Concellaría de Educación tamén cambiou o modelo de xestión do presuposto prestando especial importancia ao gasto adxudicado durante este mandato, é dicir, ás obras que realmente se executan do presuposto municipal. As cifras avalan unha xestión eficiente dos presupostos municipais xa que a porcentaxe media de adxudicación do presuposto municipal dende 2012 alcanza o 94.5%.